Tuesday 30 de April de 2024

A Xunta concede unha axuda de 114.000 € a Concellos do Barbanza para financiar o servizo de Atención Temperá a menores con necesidades especiais


Rodeiro coñeceu os traballos que se están a realizar en Lousame no marco do obradoiro de emprego que desenvolve conxuntamente co Concello de Noia

O delegado territorial de Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Concello de Lousame, onde anunciou a concesión dunha axuda de Política Social que irá destinada ao financiamento do servizo de atención temperá de menores con necesidades especiais que funciona no municipio de Noia para atender a usuarios de Lousame, Porto do Son, Noia, Outes e Muros. Ovidio Rodeiro foi recibido pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen estivo acompañada da concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, e polo concelleiro de Urbanismo, Ramón Martínez.

A subvención anunciada hoxe por Ovidio Rodeiro, incluída no marco da Rede Galega de Atención Temperá, suma 114.000 euros e ten como finalidade a implantación de servizos de atención a menores de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que poden presentar os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.

Segundo explicou Ovidio Rodeiro, con esta axuda pioneira da Xunta trátase de apostar por un modelo de servizo baseado na prevención e na promoción da autonomía persoal e na inclusión social mediante a prestación dos servizos na proximidade das familias e nos contornos naturais da vida dos nenos e nenas.

Peticións dos veciños

A alcaldesa de Lousame agradeceu o anuncio realizado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, e trasladoulle a súa satisfacción polas distintas actuacións que a Administración Autonómica está a realizar no municipio, se ben aproveitou a súa presenza para trasladarlle varias reivindicacións da veciñanza lousamiá. Así, Teresa Villaverde asegurou que “hai que poñer de relevo os investimentos que a Xunta fixo nos dous últimos anos no CEIP Cernadas de Castro, onde cambiou totalmente a cuberta, pero agora queremos plantexar a posibilidade que facer un patio cuberto, que é algo que non veñen pedindo os pais e nais”. Así mesmo, Villaverde Pais salientou as obras de cambio da cuberta do centro de saúde de Lousame “que tiña moita necesidade pero tamén lle trasladaremos ao delegado territorial outras necesidades en materia de aforro enerxético e para mellorar o benestar dos pacientes”.

Por outra banda, Teresa Villaverde agradeceu a colaboración amosada dende a Xunta para a posta en marcha e mantemento do Plan Concilia, unha iniciativa para conciliar a vida laboral e familiar durante as vacacións escolares de verán. “Imos incrementar este servizo para facelo non só durante o período estival, senón durante todas as vacacións escolares”, apunto a alcaldesa de Lousame.

Finalmente, en materia de infraestruturas, Villaverde adiantoulle a Ovidio Rodeiro que “temos intención de presentar na Xunta un proxecto para realizar en dous anos melloras na estrada que comunica Portobravo con Tállara, que precisa dunha actuación na súa capa de rodadura”. Finalmente, a alcaldesa de Lousame salientou a colaboración da Xunta en materia de saneamento e abastecemento, indicando que “xa fixemos a acta de replanteo para as obras da depuradora de Seixido e de Servia, que se farán en 2017”.

Obradoiro de emprego

O delegado territorial aproveitou tamén a visita desta mañá para coñecer, xunto coa alcaldesa Teresa Villaverde, os traballos que están a realizar os 20 alumnos do obradoiro de emprego que comparten os concellos de Noia e Lousame. O taller, cun investimento da Xunta de preto de 180.000 euros, forma aos participantes na especialidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e na especialidade de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.

Actualmente, na contorna do Barbanza están a funcionar catro obradoiros de emprego. Ademais do de Noia e Lousame, vinte alumnos de Ribeira e Porto de Son fórmanse nas especialidades de pintura industrial en construción e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; e outros vinte de Rianxo traballan en instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e fábricas de albanelería. Ademais, no Concello de Boiro está actualmente en marcha un obradoiro de garantía xuvenil no que participan 15 mozos en diferentes actividades en viveiros, xardíns e centros de xardinaría. En total, o investimento da Consellería de Economía, Emprego e Industria nestes obradoiros suma máis de 720.000 euros.

Neste senso, o delegado territorial da Xunta fixo especial fincapé no esforzo que está a realizar a Xunta para axudar aos concellos na contratación de persoas desempregadas e con dificultades para a inserción no mercado laboral. A modo de balance, asegurou que nos municipios do Barbanza as liñas de cooperación postas en marcha nos últimos meses suman 400.000 euros.

Pola súa banda, Teresa Villaverde destacou que “estes obradoiros para nós son moi importantes e desexamos que teñan unha continuidade porque, por unha banda, serven para crear emprego e mellorar as posibilidades de inserción laboral do alumando; e por outra permiten facer pequenas obras de mantemento moi importantes”. Como exemplo puxo que o alumnado do actual obradoiro xa acondicionou a contorna da piscina municipal e se atopan estes días traballando na mellora da contorna da praza Teodomiro Hidalgo, onde tamén se farán actuacións de xardinería.